Friday 03 de May de 2024

A Xunta inviste máis de 210.000 euros en diferentes actuacións paisaxísticas e medioambientais no concello de Mazaricos


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou algunhas das intervencións e firmou co alcalde as actas de recepción das melloras realizadas

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou xunto ao alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, as actas de recepción das obras realizadas no concello con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Antes da sinatura, ambos os dous visitaron algunhas das melloras realizadas.
En total, investíronse máis de 210.000 euros, repartidos entre varios proxectos. En concreto, o Concello de Mazaricos empregou os cartos na roza mecanizada en camiños rurais, na limpeza de maleza no interior de núcleos rurais, nunha senda paisaxística na contorna do Monte Aro, na mellora do saneamento en Pino de Val e na drenaxe de pluviais nos núcleos de Alborés, Beba, Coiro, Colúns, Corzón e Eirón.
As subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndelles aos concellos que teñen o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.
No caso de Mazaricos, o municipio alberga 123,5 aeroxeneradores e máis de 34 quilómetros de liñas. Estas axudas, concedidas a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.